Eleccions autonómicas 2016
Compromiso, Coordinación, Causas e Diálogo Civil contra a pobreza e pola Inclusión Social
As palabras non son suficientes. Nas vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia, xa non abondan as boas intencións, as promesas etéreas ou botarse a culpa entre administracións. Tampouco é admisible abusar da boa fe das persoas e da súa solidariedade para evitar responsabilidades políticas.

No que debe ser unha política de estado, son imprescindibles compromisos firmes e resultados urxentes na mellora da calidade de vida das case 700.000 persoas que en Galicia están en risco de pobreza ou exclusión social e en especial das 115.000 que peor o están a pasar con carencias materiais severas.
Porque o importante son as persoas. Comprométese, candidat@?

Nin o crecemento económico nin a mera creación de emprego abondan para reducir a pobreza e a exclusión social. Non hai día en que as persoas profesionais ou voluntarias das organizacións de acción social, nos concellos ou na Xunta de Galicia deixen de comprobar esta emerxencia na que a un de cada catro cidadáns galegos se lles nega o seu dereito a unha vida digna e a unha auténtica inclusión social e laboral.
Máis de trece millóns de persoas,un 28,6% da poboación española, estaban no 2015 en risco de pobreza ou exclusión social. En Galicia estamos algo mellor, pero non temos moitas razóns para o optimismo: case 700.000 persoas, o 25,7% da poboación. Especialmente preocupante para quen peor o está pasando: as 115.000 persoas que están en situación de privación material severa.

Estes datos non deben ocultar aspectos positivos, entre os que destaca o esforzo e a solidariedade da poboación galega. Co seu tempo e cos seus cartos, dentro das súas familias ou coa súa veciñanza e cun recoñecemento imprescindible as nosas persoas maiores, auténticas responsables de que Galicia estea en mellor situación que no conxunto do estado.
Tamén debemos recoñecer o relativo aumento orzamentario da Xunta de Galicia nalgunhas partidas como as de Inclusión social, a mellora na planificación a medio e longo prazo ou na coordinación entre administracións e con organizacións de acción social ou a vontade de dialogo.
Pero non abonda
A elevada pobreza e desigualdade reflicten un fracaso do sistema de servizos sociais do conxunto do estado que obedece a tres causas principais: un escaso compromiso político en orzamentos e planificación a medio e longo prazo, unha falla rotunda da coordinación entre as administracións implicadas e o dialogo civil coas organizacións sen ánimo de lucro especializadas e un enfoque asistencialista dirixido a paliar a emerxencia pero non a solucionar as causas da pobreza e a exclusión.
Queremos pedirlle a todas as candidaturas nas vindeiras Eleccións ao Parlamento Galego que se comprometan coas persoas loitando contra estas causas e asumindo as propostas que facemos dende as 128 organizacións membro de EAPN Galicia

Máis información:
– ¡Somos persoas, non expedientes! Documento Conclusións VII Seminario Galego Participación e Cidadanía inclusiva. Xuño 2016
– Informe El Estado de la Pobreza. EAPN España. Datos INE 2014
– Pacto contra a Pobreza. Propostas de EAPN España ante las eleccións autonómicas e municipais 2015
– Propostas da Coordinadora Galega de ONGD para as eleccións galegas
– Decálogo de propostas en materia social e inclusión” da Plataforma do Terceiro Sector
– Propostas feministas para o Parlamento de Galicia 2016. Se non contas con nós, non contes co noso voto
As organizacións membro da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN Galicia) facemos nosas as demandas realizadas polas persoas en risco de pobreza ou exclusión e propoñemos a todas as candidaturas as vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia que incorporen no seu programa electoral e xa que logo se comprometan a implantar de chegaren ao goberno da Xunta de Galicia os seguintes principios e medidas:
- Contra as Causas da pobreza. Asegurando a igualdade de dereitos para todas as persoas e a inclusión social activa.
- Compromiso en orzamentos e planificación a medio e longo prazo.
- Coordinación política e técnica entre as administracións e coas organizacións especializadas.
- Dialogo Civil. Recoñecemento lexislativo e marco estable de financiamento do Terceiro Sector de Acción Social como alicerce do sistema público de servizos sociais.
1. Redución nun 50 % as persoas que se atopan en situación de Privación Material Severa. Nun 15 % as que se atopan en situación ou risco de pobreza e exclusión.
2. Igualdade de dereitos para todas as persoas
Cara unha Renda de Garantía de Ingresos . Acadar o mesmo porcentaxe de persoas perceptoras da RISGA que Asturias (14,5 por cada 1000 habitantes).
Garantir o dereito a unha vivenda digna. Erradicación do chabolismo e a infravivenda. Estratexia Integral para Persoas Sen Fogar
Asegurar a universalidade da Sanidade e a Educación Inclusiva
Eliminar o “limbo da dependencia”.
Plan urxente de Accesibilidade universal
Non admitir diferenzas entre “pobreza de aquí e de alá”. 0,2% orzamentos a Cooperación para o desenvolvemento.

3. Apoio específico á infancia e mocidade. Como colectivos mais afectados por pobreza e exclusión social e como remedio contra transmisión interxeneracional da pobreza e o declive demográfico. Plan específico de apoio a familias monoparentais e monomarentais. Reforma intensa do Sistema de Garantía Xuvenil. Plan de incentivos para o retorno de poboación xuvenil emigrada
4. Por un emprego digno. Estratexia de Formación e Inclusión Laboral das persoas con maiores dificultades de empregabilidade. Aumento de 10 puntos da taxa de actividade. Primar o emprego con apoio. Ampliar ao 7% a reserva de mercado da Xunta de Galicia para empresas de inserción e centros especiais de emprego.
5. Erradicar o curtopracismo da acción política. Xeneralizar a planificación e actuacións a medio e longo prazo e a estabilidade orzamentaria: Implantación Estratexia Inclusion Social 2014-2020. Resolución de todas as convocatorias no primeiro cuatrimestre do ano. Convocatorias, convenios e contratos plurianuais.
6. “Somos persoas, non expedientes”. Unha Inclusión Activa e non asistencialista, que cumpra coa lexislación vixente e asegure que cada unha das 115.000 persoas en situación de Privación Material Severa dispón, no prazo máximo de 10 días hábiles, dunha profesional única de referencia.

7. Asegurar a máxima coordinación e corresponsabilidade política e técnica na loita contra a pobreza e a exclusión. Crear vicepresidencia que asegure coordinación entre todas aquelas areas con implicación en servizos sociais.
8. Fomento do dialogo civil e aprobación da Lei do Terceiro Sector Social de Galicia. Que promova medidas de fortalecemento de organizacións e redes; impulse a súa cooperación, entre si e co sector público e as empresas, e promova a súa participación e contribución no ámbito da intervención social en xeral
9. Erradicar a procura do lucro na loita contra a pobreza e a exclusión. Implantación de cláusulas sociais na contratación pública. Fórmulas estables de financiamento das entidades non lucrativas do Terceiro Sector de Acción Social.
10. Fomentar a Transparencia e a Rendición de contas. Comisión parlamentaria específica. Publicar mediante criterios “open data”, detalle de execución orzamentaria do exercicio anterior ao máximo nivel de detalle. Difusión inmediata tras resolución de proxectos subvencionados e non subvencionados en cada convocatoria pública
MAIS INFORMACIÓN
- As persoas primeiro. RESUME Propostas EAPN Galicia Eleccións Parlamento de Galicia 2016
- As persoas primeiro. DETALLE Propostas EAPN Galicia Eleccións Parlamento de Galicia 2016
- Las personas primero. RESUMEN Propuestas EAPN Galicia Elecciones Galicia 2016
- Las personas primero. DETALLE Propuestas EAPN Galicia Elecciones Galicia 2016
Cando os publiquen, aquí teras acceso aos programas electorais das principais candidaturas, así como información sobre en qué medida recollen as demandas de EAPN Galicia.Cando os publiquen, aquí teras acceso aos programas electorais das principais candidaturas, así como información sobre en qué medida recollen as demandas de EAPN Galicia.


Damosche algunha idea para comezar, pero a imaxinación é túa:
- Diríxete a partidos e candidatos. Envíalles un e-mail ou mesmo unha carta.
- Pregunta ou infórmalles directamente. Podes facelo por Facebook, Twitter, dende o teu blog ou coas redes sociais que queiras. Usa a etiqueta #PobrezaGalicia (verás que non estás soa).
- O teu móvil é un medio de comunicación. Comparte o teu selfie coa etiqueta #PobrezaGalicia ou facendo unha C coa man en fotos e vídeos dicindo o que che preocupa ou che indigna en xeral ou no teu concello. Ou tamén do que che ilusiona e cres que merece ser difundido.
- Nas entrevistas ou debates electorais chama, tuitea, comenta para asegurar que se fala da pobreza e exclusión en Galicia.
- Consulta e difunde os datos de pobreza ou exclusión en Galicia e no teu concello. Pregunta como se coordina coa Xunta.
- Colabora coas ONG que traballan coas persoas en pobreza e risco de exclusión e difunde as súas demandas. Neste mapa tes as 128 que formamos EAPN, e aquí as que as que integran a Coordinadora Galega de ONGD.
- Se xa colaboras ou traballas nalgunha entidade social, fai rede con outras ONG. Difunde a campaña, organiza algunha xornada ou debate entre candidaturas para falar da pobreza e a exclusión no teu concello, implica aos medios de comunicación….
- Se militas nalgunha forza política ou es candidata/o: difunde o documento,envíallo aos teus compañeiros de partido noutros concellos e pídelles que creen debate sobre as propostas para loitar contra a pobreza ou a exclusión.
Faino sempre mantendo un dos principios democráticos imprescindibles que defendemos día a día nas organizacións que formamos EAPN Galicia: propostas en positivo e co máximo respeto, especialmente con quen esteamos máis en desacordo.
As persoas primeiro
#PobrezaGalicia




