32 demandas de persoas en pobreza ou exclusión social na exposición “Olladas inclusivas. Ningúen á marxe” que hoxe se inaugurou na Xunta de Galicia

Destacouse a urxencia de reducir unha burocracia que non impida un acceso rápido e sinxelo ás persoas que precisen prestacións e axudas contra a pobreza e que non perxudique as ONG que impulsan programas de inclusión social.
As demandas están presentes nas redes coa etiqueta #ContraPobreza

Co motivo da celebración do Día Mundial da Xustiza Social, esta mañá inaugurouse a exposición “Olladas Inclusivas. Ninguén á marxe”, na Sede da Xunta de Galicia en San Caetano. No acto estiveron presentes o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e o presidente de EAPN Galicia – Rede Galega contra a Pobreza e a Exclusión Social, Antonio Hernández, acompañados de representantes políticas, responsables da Coordinadora Galega de ONGD e Plataforma de Infancia de Galicia e de organizacións de acción social.
A exposición “Olladas Inclusivas. Ninguén á marxe” está formada por fotografías de persoas das organizacións membro de EAPN Galicia, pero o máis importante por 32 demandas e propostas de loita contra a pobreza e a exclusión social que as acompañan, en especial as identificadas nos últimos encontros e seminarios de participación, en Santiago de Compostela ou Canarias.

Das 32 demandas destacan a esixencia dunha simplificación burocrática importante a todos os niveis para que deixe de ser unha carga excesiva e unha escusa para a culpabilización da persoa que se atopa en situación de pobreza. Tamén asegurar unhas rendas mínimas dignas, a erradicación do chabolismo e a infravivenda, accesibilidade plena ou un plan para familias monoparentais (monja 80% encabezadas por mulleres).
En palabras de Antonio Hernández “para que as actuacións que se desenvolven dende o Terceiro Sector de Acción Social galego se leven a cabo coa mellor eficiencia e eficacia posible no que á defensa dos dereitos das persoas se refire, é esencial poder manter a interlocución coas administracións públicas, lonxe de medidas asistenciais e paternalistas". Nesta liña, a exposición pretende poñer o foco sobre algunhas das recomendacións ou indicacións que se deben seguir por parte de entidades, administración e comunidade para favorecer a participación a todos os niveis das persoas en situación de pobreza e exclusión.

Pola súa parte, o Presidente da Xunta de Galicia expresou que “abrir ás institucións á sociedade civil faise necesario para que, aínda que non se estea de acordo en todas as demandas que se expoñen, se abra a reflexión e o debate. Deste xeito tamén se poderá garantir mellor tanto o cumprimento e actualización da Axenda Social de Galicia como o avance en materia de Rendas Mínimas áxiles e dignas".
Para pechar o acto, Beatriz Chaos, Zaida Jiménez e Javier Pérez, en nome das persoas traballadoras, voluntarias ou participantes das entidades membro de EAPN Galicia, deron lectura á Declaración Institucional contra o contra o odio e a intolerancia ás persoas en pobreza ou exclusión aprobado por unanimidade no pleno do Parlamento de Galicia o pasado Día Internacional para a Erradicación da Pobreza.
Durante o mes que durará a exposición, as fotos e demandas da mesma estarán tamen presentes nas redes sociais coa etiqueta #ContraPobreza.
Accedendo a este link podedes ver o álbum de fotos da exposición, que se corresponden coas seguintes demandas:
- Asegurar que as responsabilidades de coidado non sexan impedimento para a inclusión ou o acceso ao emprego
- La gente no tiene la culpa de su pobreza.: Loita contra prexuizos, intolerancia e aporofobia
- Plan galego para familias monoparentais (o 80% delas cunha muller á fronte)
- A mocidade é o sector de poboación máis empobrecido. Non podemos permitirnos que queden atrás
- Asegurar que as responsabilidades de coidado non sexan impedimento para a inclusión ou o acceso ao emprego
- Eliminar prexuizos e estereotipos mediante a información sobre a realidade de todas as persoas (discapacidade, migrantes, privadas de liberdade, etc.)
- Defender o dereito a vivir nunha familia implica por exemplo que a RISGA sexa prioritaria en importes e trámites, cando haxa nenos e nenas ou persoas dependentes
- Acceso a vivendas sociais 100% accesibles con estudo previo das características de cada persoa (necesidades, ingresos, etc.), con redución significativa da burocracia
- Compartir o coidado: permisos de paternidade, roles de home e muller na familia, …
- Que se ofrezan como aluguer social aquelas vivendas de bancos e do sector privado desocupadas para especular con elas
- Mesmo emprego, mesmo salario. Garantir a lexislación e sancionar cando non se cumpra
- Loitar contra a pobreza rural desde pobos e aldeas, non desde as cidades
- Por un mundo sen barreiras. Accesibilidade universal XA!
- Información e sensibilización en empresas sobre todas as persoas (discapacidade, migrantes, privadas de liberdade, etc.) para eliminar prexuízos e estereotipos
- A educación é a base dos nosos valores como sociedade. Debe de ser realmente pública, gratuíta, de calidade e inclusiva
- Participación sistemática (presencial e en liña) de persoas en risco de pobreza, non reunións puntuais
- Normalizar a percepción da RISGA a inmigrantes comunitarios (ou ante irregularidade sobrevida)
- A vivenda é o primeiro! Máximo complemento de vivenda en decreto RISGA
- Aumentar o IPREM (paralizado dende 2010) e garantir un salario digno
- Rendas mínimas decentes e áxiles. Adaptadas ás necesidades das familias e persoas para permitir unha vida autónoma
- Loita eficaz contra os delitos de odio, intolerancia e aporofobia
- Educación que aposte polos valores, que traballe a diversidade e a inclusión e que teña en conta os retos dunha sociedade que cambia a gran velocidade
- Esixir unha linguaxe administrativa e xudicial entendible, simple, inclusiva e ao gran, para que calquera cidadán a poida entender
- Acabar co chabolismo e a infravivenda en Galicia
- Os empregos teñen que ser dignos, tanto en salarios como en condicións laborais. Ten que haber máis inspeccións laborais para controlar abusos
- Crear cotas nas empresas para que as persoas en situación de pobreza poidan acceder ao emprego
- Asegurar participación igualitaria entre homes e mulleres, sen discriminar por raza, identidade sexual ou xénero, nacionalidade, discapacidade. Sobre todo nas políticas que nos afectan
- Eliminar a burocracia para que deixe de ser unha barreira de acceso aos nosos dereitos e de culpabilizarnos
- Que se poñan nos nosos zapatos e na nosa pel! Sen empatía, nin a participación política nin a gobernanza son posibles
- Educación socioafectiva desde a infancia






